O Barrio


 

 

 

 

Obsesión cultural

            Cine París, obxectivo único e principal do goberno, unha inversión millonaria para faceren algo que realmente non necesita o pobo, cartos empregados en adquirir e reformar unha propiedade mais para o Concello na particular carreira dos políticos locais por facerse con un patrimonio municipal innecesario, grandes inversións en locais que ninguén demanda e nos cales se malgastan os recursos económicos do Axuntamento a costa de deixar desatendidos servizos prioritarios e necesarios para a normal actividade cotiá e o verdadeiro avance económico e social que debería ser obxectivo prioritario de todo muradán de ben.

           A guerra propagandística entre o goberno e a oposición por colgarse as medallas da adquisición do Cine París ven sendo un dos principais puntos en case tódolos plenos municipais desde que entrou a gobernar a coalición Bloque-PP. Non hai pleno no que non xurda esta cuestión na cal uns e outros intentan abandeirar o logro da consecución desta representativa ruína local. Nunca ninguén no Concello, nin persoas nin asociacións, demandou semellante inversión en un suposto auditorio e centro de exposicións para un pobo que dificilmente chegará a encher, en contadísimas ocasións, o aforo que tal edificación  terá, a maior parte do ano será unha lacra económica mais, outra na larga lista de despropósitos que se dou en chamar gasto social e que mais parece gasto dos socios. En cambio, si levan os veciños anos demandando cousas que, a pesar de ser, elección tras elección, promesas esgrimidas po-los políticos para gañaren votos, non se afrontan nunca e seguen sendo desde fai moitos anos unha constante necesidade para a activación económica do Concello e un reclamo importantísimo para o turismo e o progreso da comunidade, ese sector do turismo que, por razóns que non chego a entender, este goberno, e xa o anterior, intentan boicotear a toda costa. Quen teñen a encomenda de dirixir a este Concello cara o progreso son precisamente quen intentan obsesivamente reducir a capacidade do mesmo para acoller a un sector que, hoxe por hoxe, e o principal motor económico da comarca.

            As constantes dificultades que esta xente lle crea os visitantes, a redución de servizos dedicados a mellorar a súa estancia no pobo, o desinterese por conseguir para as nosas praias as bandeiras azuis que nos darían prestixio e divulgación en Europa e no mundo, o acoso os negocios hostaleiros impedíndolle a súa modernización e mellora, a obsesiva redución de espazos públicos dedicados a aparcadoiros, o enfermizo empeño de dificultar o entendemento cos forasteiros eliminando hasta os límites da legalidade o emprego do español na información e a comunicación coas persoas que nos visitan, etc. Son un claro síntoma das verdadeiras intencións deste goberno respecto o que eles entenden por un Concello moderno, dinámico i económica e socialmente  eficaz.

             A cantidade de obras que se están facendo, a maioría delas dedicadas a servizos de moi escasa demanda nun concello cada día mas empobrecido e menos poboado fai pensar que o principal obxectivo deste goberno e acaparar instalacións públicas, crear empregos deficitarios dilapidando os recursos económicos en beneficio de uns cuantos privilexiados e impedir que o progreso poda xerar unha clase política de calidade que impida que continúen ostentando o poder persoas moi pouco preparadas e con unha capacidade intelectual cando menos dubidosa, pero que grazas a un sistema electoral pensado para facilitar a chegada ao poder de xente ideoloxicamente comprometida pero de moi escasa capacidade, poden exercer o mando, moitas veces rozando o totalitarismo, sobre unha cidadanía pouco dada a rebelión e maioritariamente egoísta.

             Que, po-lo mero feito de haberen sido elixidos nas urnas, un grupo de  persoas sen preparación podan dispoñer o seu antollo do diñeiro de todos para gastalo en caprichos enfocados  a satisfacer o seu ego e a colmaren os seus  intereses electorais, sen proveito ningún para a cidadanía e sen compensar as necesidades e as demandas dos veciños, mentres o interese principal dos mesmos se limita a agradecer a colocación de unha lámpada na porta ou a contratación para obras do Concello  durante un mes por un soldo miserable, di moito do que nos merecemos e explica o fenómeno que supón que xente tan pouco preparada chegue a gobernar  a toda unha sociedade.


InicioFotos Historia de MurosContacto

Dereitos reservados