Alternativa Vecinal Independiente muradana

InicioPlenosA PeneiraOpiniónsColaboraciónsParroquiasComentario

A Peneira

12345678910111213141516171819202122232425262728

29303132333435363738394041424344454647484950515253545556

Muros a 9 de decembro de 2008

Que a construción do novo Centro Médico Muradán foi un gran avance para este Concello é algo que ninguén pode poñer en dúbida, so pena de ser tachado de facha, conservador e antiprogresista. O novo Centro Médico está moito mellor preparado para atender as necesidades duns veciños que tiñan que soportar longas esperas, ás veces máis de media hora, no obsoleto edificio da alameda. Veciños que, moitas veces, víanse obrigados a asistir á consulta ao día seguinte de pedir a cita porque a saturación existente facía imposible atenderlles o mesmo día.
As novas instalacións terminaron coa discriminación dunha parroquia cuxos habitantes víanse na obriga de desprazarse ata Muros para asistir ao médico, algo que lles ocasionaba grandes inconvenientes xa que logo víanse na obriga de aproveitar para facer as compras e ata quedarse a tomar algo cos amigos, ou darse unha volta polo mercado os días de feira, cousa que non farían se non lles fose imposto o obrigado desprazamento por razóns de saúde, beneficiando aos habitantes doutras parroquias mediante unha centralización inxusta e desproporcionada.
O novo Centro médico dispón dunhas instalacións modernas e luminosas, onde as esperas de dúas ou tres horas que, ás veces, debemos soportar para ser atendidos, fanse agradables e levadeiras. O novo Centro Médico está dotado do persoal suficiente como para que non teñamos que esperar máis de catro ou cinco días en conseguir cita. O novo Centro Médico deriva os doentes dos facultativos ausentes a aqueles que quedan de servizo, co cal afórranse os soldos de sustitutos que cubran esas ausencias, conseguindo que os nosos impostos póidanse empregar en pagar novos cargos administrativos, cun mínimo sacrificio pola nosa banda. Co novo Centro Médico, algo tan indispensable e prioritario para o noso concello, as persoas maiores teñen a oportunidade de mellorar a súa saúde facendo deporte de madrugada, desprazándose a pé para facer unha analítica ou asistir á consulta, aínda que tamén teñen a opción de gastarse máis de 6€ nun taxi, colaborando deste xeito a activar a economía local; certo que antes facíano os veciños de Serres, pero eran moitos menos, senón que lle pregunten aos taxistas. Co novo Centro Médico temos a ocasión de observar as estrelas de madrugada en total escuridade ou o amencer mentres agardamos ao frio, ou á calor, depende da época do ano, a que nos abran a porta para entregar o volante das análises. Co novo Centro Médico podemos gozar da calor do verán mentres esperamos a ser atendidos, eliminando toxinas coa nosa suor e beneficiándonos polo tanto de todas as vantaxes que nos ofrece a medicina preventiva. O novo Centro Médico dispón de poucos asentos e moito máis espazo libre para poder pasear mentres esperamos a ser atendidos, co consiguiente beneficio para a nosa circulación. O novo Centro Médico, malia estar utilizando a corrente dun cadro tirado no lateral traseiro do edificio, está preparado para aportar a enerxía suficiente no verán como para que funcionen os ventiladores cos que os traballadores intentan facer fronte ás altas temperaturas que se alcanzan dentro dunhas instalacións totalmente expostas ao sol e sen aire acondicionado. O novo Centro médico é, en definitiva, un exemplo máis do bo facer e da vontade política no noso Concello, pensado exclusivamente para favorecer ao cidadán, beneficiar a súa saúde e evitarlle o sedentarismo. Para facer máis levadeiro o seu tempo de lecer alargando as esperas e facilitando aos doentes a decisión de asistir á medicina privada dándolles varios días de marxe antes da cita para que o pensen, algo que non comprenden aqueles que aínda botan de menos a rapidez con que eran atendidos no antigo centro. ¿Cando nos imos a dar conta que a falta de burocracia non é progresista? Non é que cada vez teñamos peor servizo, é que as cousas ben feitas levan moito tempo, moitiiiiisimo. Algunhas ata máis de 25 anos. Iso é progreso.
Á fin e ao cabo, cinco días de espera por unha cita médica non é nada comparado con 25 anos esperando unhas instalacións náuticas deportivas. Que queixicas somos.

    Co obxectivo de facer as cousas ben, xa veremos canto tarda a reapertura da piscina municipal tendo en conta a boa vontade do goberno e o apoio da oposición, que tan só pensa nos cidadáns, oposición cuxo único interese é que os centos de abonados que quedaron sen o servizo gocen canto antes do mesmo, antepoñendo os intereses do seu pobo aos dunha compañía privada que só persegue beneficios empresariais, e aos intereses de seis ou sete empregados que, en todo caso, serán substituídos por outros co mesmo dereito a traballar e probablemente máis necesidade, aínda que non sexan da mesma ideoloxía ou relación afectiva, como non podía ser doutro xeito. Podemos estar tranquilos, tanto uns como outros só se preocupan polo noso benestar e sabemos que tanto os seus obxectivos políticos como a imposición das súas ideas son secundarios, e que pensando no benestar dos habitantes deste concello, as súas rencillas persoais e as súas vinganzas partidistas non terán lugar nos seus corazóns.
Deamos grazas por ter os mellores políticos existentes na comarca, ¿que sería de nós sen esta xente?, ¿quen nos enganaría con tanta naturalidade?, ¿quen poñería freo á nosa ambición por vivir nun Concello moderno e activo, acabando con ese halo de nostálxica prehistoria que marca a nosa personalidade como pobo facéndonos especiais e envidiables?

 

Correo electrónico: avim@villademuros.com

 

Copyright AVIM, Muros 2008    ecoestadistica.com